Thursday 02 de May de 2024

O Coliseo Noela acollerá este luns 9 de abril o acto institucional de celebración do 850 aniversario da Carta Pobra de Noia


O acto contará coa participación do presidente da Xunta, alcalde e ex-alcaldes da vila, alcaldes do partido xudicial e representantes das asociacións veciñais, culturais, deportivas e económicas da vila

O Coliseo Noela acollerá este luns 9 de abril o acto institucional de celebración do 850 aniversario da Carta Pobra de Noia, que marcará o inicio dun amplo programa de actividades para conmemorar o aniversario da fundación da vila. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro de Cultura, José Pérez.

Ás 12:30 horas terá lugar o acto institucional no Coliseo Noela, que estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e que contará coa presenza do subdelegado do Goberno, Jorge Atán; o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; alcaldes e alcaldesas do partido xudicial de Noia (máis Rianxo); así como os ex-alcaldes de Noia e representantes das asociacións veciñais, culturais, deportivas e económicas da vila. “Quixemos reunir a todos os políticos, clubs deportivos, asociacións veciñais, asociacións empresariais… para que todos poidan asistir a un acto desta categoría”, explica José Pérez.

Un punto no que incidiu o alcalde noiés, quen agarda que “os veciños e veciñas de Noia sexan conscientes da relevancia que ten este acto e que participen nas distintas actividades que se van a desenvolver ao longo do ano”. Santiago Freire insistiu en que “a nosa intención é conseguir a participación dos nosos veciños e veciños pero tamén atraer a visitantes á nosa vila, para que este 850 aniversario teña tamén un retorno a nivel turístico e económico para a nosa vila”.

De feito, o alcalde noiés aproveitou para anunciar a suspensión das actividades previstas para esta fin de semana debido ás malas condicións meteorolóxicas. Unha programación que será retomada en próximas datas, posiblemente no mes de maio.

Programación

O acto institucional no Coliseo Noela terá lugar ás 12:30 horas e contará coa participación do concelleiro de Cultura, José Pérez; do alcalde de Noia, Santiago Freire, e dos ex alcaldes da vila; do historiador Xerardo Agrafoxo, que fará un adianto da súa conferencia “A Carta Pobra de 1168” (que se poderá seguir ao completo este mesmo luns, ás 20:30 horas, no marco das Xornadas das Historia); e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que pechará o acto.

Ás 13:30 horas, a comitiva trasladarase ata a Praza da Porta da Vila para a inauguración da escultura conmemorativa do 850 aniversario da fundación de Noia, elaborada polo artista local Alberto Rodríguez Louro. Un emprazamento que se xustifica en que “é a rúa das Cunchas, onde os peregrinos recollían a cunha e seguían camiño a Santiago”, explicou José Pérez, quen agradeceu ao Cabildo da Catedral de Santiago de Compostela a cesión do facsímile da Carta Pobra de Noia, que poderá contemplarse o luns 9 de abril no Coliseo Noela. Posteriormente, entre o 10 e o 21 de abril, o salón de plenos da Casa do Concello acollerá a exposición da Carta Pobra de Noia, que poderá ser visitada por todos os veciños e veciñas que o desexen.

A xornada pecharase no Coliseo Noela ás 20:30 horas coa primeira das cinco ponencias incluídas no programa das Xornadas da Historia. A charla correrá a cargo de Xerardo Agrafoxo e versará sobre “A Carta Pobra de 1168”. Estas xornadas continuarán durante toda a semana, no mesmo lugar e á mesma hora, e son de entrada libre e de balde. As ponencias son: “Noia e Compostela: historia de dous topònimos”, do historiador Clodio González Pérez (martes 10); “A orixe medieval do Portus Apóstoli”, do xeógrafo Pedro García Vidal (mércores 11); “Totum Bonum e o seu territorio”, da arqueóloga Manuela Pérez Mato (xoves 12); e “O periplo de Arnolfo”, a cargo da escola de danza Oitos dirixida por Verónica Martínez.

Paralelamente, entre o 9 e o 20 de abril, a sala de exposicións do Coliseo Noela acollerá a mostra “Noia prima. Totum Bonum”, de Domingo Filgueira Lado.